O COUREL

Un paraíso natural milenario de montaña, bosque e lousa no corazón de Galicia

Aldea do Mazo atópase situada no corazón da Serra do Courel, o último bosque galego, que conserva a súa configuración primitiva e unha gran diversidade de flora autóctona da zona.

Entre as provincias de Lugo e Ourense e a poucos quilómetros de León, atópanse estas máis de 21.000 hectáreas de natureza primixenia, atravesadas polo Río Lor e presididas polas maxestosas cimas de Formigueiros, Montouro e Pía Paxaro, montes de máis de 1.600 m de altura.

Pasar uns días no Courel, significa ter a posibilidade de percorrer máis de 90 quilómetros de rutas de sendeirismo e descubrir, entre outras, a xoia botánica da Devesa da Rogueira, deleitarse paseando entre frondosos soutos de castiñeiros centenarios, bañarse nas veiras do Río Pequeno, penetrar nun mundo máxico de tradicións e lendas e permitir que corpo e mente se inunden da inmensa paz, o absoluto silencio e a calma que se respira no entorno.

Podemos seguir deixándonos impresionar polas marabillas da natureza no Val das Mouras, unha fraga máxica chea de incribles covas rodeadas de musgo, onde incluso chegaron a vivir persoas fai xa moitos anos; ou dando un paseo ata a Fervenza de Vieiros, un fermosos salto de auga no medio do bosque; ou visitar o lago glaciar de Lucenza, un dos poucos lagos de orixe glaciar que quedan en España, cunha antigüidade de máis de 16.000 anos.

Se o que nos emociona é a riqueza etnográfica, existen máis de 40 aldeas a visitar na zona. Destaca Seceda, a aldea con maior valor etnográfico de todo Galicia, grazas a que estivo lonxe das vías de comunicación durante moito tempo. Pero pódese facer unha preciosa ruta completa descubrindo tamén Vilela, Ferreiros, Vilamor e Froxán, a aldea milagreira, pois á súa entrada atópase a “Fonte do Milagre”, chamada así polas súas augas curativas. Nesta localidade organízase a “pisa da Castaña”, o primeiro sábado de decembro, festa sen igual para coñecer o proceso de secado da castaña.

Así mesmo, en novembro, en Folgoso do Courel, ten lugar a Festa da Castaña, festival gastronómico ó redor deste produto autóctono.

E que a castaña é moi importante en todo o Courel, como se observa en O Pontón un precioso local onde calmar a sede, cunha característica moi peculiar: todo o mobiliario está realizado con madeira de castiñeiros de forma artesanal, pero nin unha soa árbore foi cortada para tal fin.  Toda a madeira foi collida de castiñeiros queimados en incendios ou caídos polo vento. Unha expresión de amor pola natureza sen igual, que visitan turistas de todo o mundo.

Sorprendentes son, tamén, as vistas dos meandros do río Lor dende o Castro celta de Vilar que, xunto co castro da Torre e Castro de Brío, configuran os castros celtas rehabilitados máis interesantes da zona.

En definitiva, chegar ata o último bosque de Galicia é penetrar en séculos de historia, seguindo os pasos humanos do pobo celta e o romano, pero tamén os do oso cavernario nas covas da zona … se amas a natureza, ven e déixate sorprender e emocionar no Courel.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies