O Espazo

COUREL dos tesos cumes que ollan de lonxe!
Eiquí síntese ben o pouco que é un home...
Os Eidos, Uxío Novoneyra.


O Caurel é unha comarca montañosa situada no sureste da provincia de Lugo que ten dous aspectos destacados e diferentes ós de calquer outro lugar: unha paisaxe humanizada formada por soutos, cultivos e prados e unha natureza que en palabras do botánico Baltasar Merino en 1899 se pode describir como libre, rica e exuberante.

No tocante ás figuras de protección ambiental, O Caurel está incluido na Rede Natura 2000 como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) e a nivel autonómico está declarado como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais. Ademáis, o curso alto do río Lor figura proposto como Reserva Natural Fluvial. No Caurel aínda quedan lobos e aguias reais, medran raras especies vexetais incluidas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas e os hábitats de interese comunitario prioritario suman máis de trinta. Os bosques destacan en variedade e extensión, citando entre outros os aciñeirais, sobreirais, louredais, teixedais, xardoais, carballeiras, reboleiras, bosques de ribeira e de barrancos, soutos, bidueirais, aveleirais e faiais. Pero dentre todos e con todos, destacan as devesas. Verdadeiros "bosques de bosques", están ubicadas en zonas de elevadas pendentes e orientación norte donde se mesturan armoniosamente tódalas clases de árbores. As máis destacadas son a Devesa de Rogueira e a Devesa da Escrita, calquera das dúas a menos de 5 km da Aldea.

Sostendo toda esta variedade biolóxica atópanse as rochas máis arcaicas da Península Ibérica, principalmente lousas, xistos e cuarcitas, que xunto cos afloramentos de rochas calías dan unha gran variedade de sustratos. As maiores cotas alcánzanse en Formigueiros, con 1.639 m. e Piapaxaro, con 1.616 m.

Dende o punto de vista poboacional, hoxe apenas viven en Caurel 1.500 persoas, un 30 % menos que hai apenas 15 anos e das que o 40 % supera os 65 anos. Iniciativas como esta da Aldea do Mazo, tentan ser unha aposta por favorecer o desenrolo socioeconómico do Caurel sabendo que será bo para os que veñan e para os que están.